Veciños de Taboada e Ribadavia coñecerán a profesión das redeiras a través dunha exposición fotográfica
Malpica de Bergantiños, 14 de agosto de 2020.- Veciños dos concellos de Taboada, en Lugo, e Ribadavia, en Ourense poderán coñecer de primeira man as características e os detalles da profesión de redeiras, vinculada ao sector da pesca. A mostra fotográfica, Redeiras, unha profesión con historia percorrerá estes dous municipios durante os vindeiros meses no marco dunha axuda recibida da Secretaría Xeral da Igualdade, enmarcada na liña de apoio ao asociacionismo.
Deste xeito, a presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás o Peirao, Verónica Veres Tasende, destaca que con esta acción “achegamos o noso sector ao interior de Galicia, reivindicando ao noso protagonismo no feito pesqueiro en si”, ao tempo que permite poñer en valor “o traballo esencial que desenvolvemos no sector da pesca”.
A exposición Redeiras, unha profesión con historia está integrada por case 30 fotografías de distintas redeiras de toda Galicia que evidencian o seu traballo diario nas catro artes de pesca que traballan: artes menores, palangre, cerco e arrastre.
Ademais da difusión que se realizará entre as distintas oficinas municipais (de atención ao público, bibliotecas, etc.) tamén se lle notificará a presenza da mostra nos colexios e institutos da zona para que os máis pequenos e a mocidade poidan coñecer tamén a profesión de máis de 400 mulleres en Galicia.
Pese a que esta ocupación se desenvolve principalmente na zona costeira, a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao optou por levar ao interior esta mostra para que a sociedade en xeral coñeza as distintas profesións que se esconden tras un sector produtivo estratéxico para Galicia e para España.