ABANCA e as redeiras artesás facilitan o acceso ao crédito cun novo convenio

2020-09-25 at 14.38.19
2020-09-25 at 14.38.19

ABANCA e a Federación Galega de Redeiras Artesás “O Peirao” veñen de asinar un novo convenio de colaboración. Trátase dun novo impulso ao sector, que visualízase especificamente con novas opcións de crédito. Con esta alianza a entidade financeira e a federación que agrupa a este colectivo buscan impulsar o desenvolvemento dunha práctica tradicional e cunha longa tradición en Galicia.


A presidenta das redeiras, Verónica Veres, e o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, rubricaron hoxe en Santiago un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co sector primario galego e cos oficios tradicionais.


Este convenio pon o acento especialmente no crédito. As profesionais do mar pertencentes á federación contarán con condicións melloradas na contratación de produtos de ABANCA tanto para poñer en marcha novos proxectos, como para  promover a mellora competitiva dos actuais. Ofrécense algunhas opcións como pólizas de crédito, préstamos persoais, anticipos de subvencións, leasing mobiliario, liñas de comercio exterior, confirming, avais ou liñas de desconto.


O texto tamén inclúe os seguros personalizados para este colectivo. Do mesmo xeito, desde as oficinas de ABANCA facilitarase a información relativa ás opcións de financiamento a través de convenios oficias que a entidade mantén con ICO, Igape e as SGR galegas.


A Federación Galega de Redeiras Artesás “O Peirao” naceu no ano 2004 co obxectivo de brindar apoio e asesoramento ás distintas asociacións que forman parte da Federación. Este colectivo participa activamente na defensa dun oficio tradicional, sostible e imprescindible para o desenvolvemento da actividade pesqueira.  


ABANCA conta cun especial compromiso co sector, logo da creación en 2016 de ABANCA Mar, unha división específica con produtos financeiros centrados no negocio da pesca e a conserva e que conta coa experiencia dun equipo de profesionais altamente cualificados.