A iniciativa “Eu son redeira” pecha a súa edición 2024

01

Outro ano máis, a iniciativa “Eu son redeira” remata con éxito a súa campaña de verán. Esta proposta leva a diversas localidades galegas mesas informativas, atendidas por redeiras, nas que a poboación xeral pode informarse sobre o oficio, familiarizarse con algunhas das artes e aprender sobre as principais inquedanzas e retos da profesión.

En concreto, este ano visitou entre xuño e setembro as vilas de Corme, Malpica, Cedeira, Cariño, A Guarda, Cangas,  Portosín e Porto do Son. As citas coincidiron con importantes festas locais, o que serviu para xerar un ambiente distendido que favoreceu o intercambio entre as persoas que se achegaron e as que se encargaban da parte informativa.

Novamente, a campaña contou cunha gran recepción entre a cidadanía, que amosou curiosidade e sensibilidade cara as condicións das profesionais. Espérase poder repetir no ano 2025, cunha nova xira a través de localidades da rexión.

O proxecto conta coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e do Ministerio de Igualdade do Goberno de España.