As redeiras exploran os novos escenarios económicos para a profesión cunha xornada en Santiago de Compostela

00

Nova xuntanza de redeiras en Santiago de Compostela. Este sábado 9 de novembro, a Federación O Peirao organiza o ‘Encontro de Redeiras: Novo escenario económico para a profesión de Redeira’. Esta cita está pensada para explorar o panorama de futuro no sector e indagar nas distintas alternativas que se lle presentan. 

O traballo nas redes de pesca ten gran inestabilidade. Cunha alta porcentaxe de autónomas, con condicións salariais pouco competitivas e xornadas irregulares, as redeiras vense obrigadas a buscar alternativas para completar ingresos ou cubrir épocas de pouco traballo. O encontro, que está promovido pola Consellería do Mar, abordará esta situación, así como o estado xeral do sector da pesca e as implicacións que ten para o colectivo, da man de Javier Touza, presidente de ARVI, e Marta Villaverde, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. 

Previo á celebración desta xuntanza celebrarase unha asemblea xeral extraordinaria da Federación, no que se abordarán, entre outros temas, as xestións realizadas desde xuño e a situación xeral do colectivo. A xornada celebrarase no Hotel Congreso, en Santiago de Compostela.