O Peirao lanza a campaña ‘Un día entre redes’
A Federación Galega de Redeiras Artesás, O Peirao, presenta nas principais plataformas a súa campaña ‘Un día entre redes’. Esta acción quere afondar no traballo das atadoras, así como nas características do oficio e na súa proxección no mundo laboral.
A campaña consiste nunha serie de catro vídeos a través dos que se repasan aspectos clave do día a día das redeiras. Cada un deles céntrase nun aspecto: a capacitación, a profesión, o traballo e a unión entre as traballadoras.
Así, no de capacitación repásase a formación precisa para acadar a certificación profesional e as reclamacións para profesionalizar o traballo de redeira a través do ensino. O de profesión destaca o seu carácter esencial na cadea de axentes que interveñen na pesca. No clip de traballo repásanse as distintas artes, a rutina do traballo e as principais reivindicacións laborais.
O capítulo de ‘Xuntas mellor’ explica o movemento asociativo dentro do colectivo, a necesidade de unión para acadar a mellora da situación profesional e os logros xa acaídos.
Os vídeos foron elaborados coa colaboración da Xunta de Galicia e co patrocinio do Xacobeo 21-22. Neles participaron as oito asociacións que forman parte da Federación: a do Baixo Miño e A Guarda Atalaia; a de Cariño; a de Cedeira; Illa da Estrela de Corme; O Cerco de Cangas; O Fieital de Malpica; a asociación de Portosín; e a de Porto do Son.
Pódense consultar na canle de YouTube de O Peirao ou nas súas principais redes sociais: Facebook, Instagram e LinkedIn.