O Peirao organiza unha xornada para afondar no traballo de redeira
O próximo 14 de setembro, a Federación galega de redeiras artesás O Peirao celebra unha xornada na cidade da Coruña para dar a coñecer a profesión entre a poboación en xeral. Baixo a clave "Redeiras e economía azul. O noso traballo colaborativo e circular", distintas profesionais atenderán ao público en varios stands e espazos de traballo, a través dos que amosarán a súa labor nas artes menores, palangre, arrastre e cerco.
A cita servirá para afondar na relación entre o oficio de redeira, a economía circular e a xestión de residuos no tratamento das redes de pesca. Da man disto, ademais, porase en valor a diversificación profesional do colectivo nos últimos anos, que ven de realizar unha incipiente labor en artesanía, reciclaxe e turismo mariñeiro.
As persoas que visiten á mostra, que se celebrará na praza de María Pita de 11 a 17 horas, poderán probar as súas habilidades coa agulla de atar redes. Unha ocasión para achegarse de xeito práctico ao traballo de redeiras.
O evento está organizado coa colaboración da Rede Eusumo.