O Peirao renova a súa directiva
A Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao ten nova directiva. As eleccións celebráronse na que é a asemblea extraordinaria de 2024 e contaron coa participación de representantes das sete asociacións que conforman a Federación.
A nova directiva está presidida por María Jesús González González, da asociación Atalaia de Baixo Miño-A Guarda. A vicepresidenta é Rosa Isabel Rodríguez Vidal, de Illa da Estrela de Corme. Como secretaria foi elixida María Jesús Otero Suárez, de O Fieital en Malpica, e, como tesoureira, María del Pilar Nogueira González, pertencente á asociación O Cerco, de Cangas. O consello rector queda completo con Rosa María Pardo Campaña, de Portosín, como vogal.
As eleccións supoñen o relevo no cargo de Verónica Veres Tasende, ata o de agora presidenta da Federación, e das xa extesoureira Rocío Fernández González e anterior vogal, Margarita Inés Vázquez García. Desde O Peirao quérese trasladar o agradecemento polo seu compromiso ao longo dos últimos anos, nos que se lograron importantes avances para o colectivo.
A directiva que foi elixida é, pois, mestura de experiencia e novos folgos, cos que se quere facer fronte aos retos que quedan por resolver, como a falta de relevo no sector. O seu compromiso servirá, sen dúbida, para avanzar na súa resolución.