Unha representación de redeiras galegas viaxa a Viana do Castelo en misión comercial
As redeiras galegas amplían os seus horizontes comerciais. Unha representación do colectivo visitou este 12 de outubro a localidade de Viana do Castelo, onde tiveron ocasión de percorrer as instalacións da fábrica de redes de Cadilhe&Santos.
Esta misión comercial enmárcase dentro dos obxectivos da Federación de Redeiras Galegas O Peirao de investigar novas posibilidades empresariais e potenciais alianzas. Con isto, O Peirao quere ampliar os horizontes dun colectivo que ve como o seu oficio carece de continuidade, cunha alta estacionalidade. A maior parte das redeiras son traballadoras por conta propia, o que dificulta a consecución duns ingresos estables.
A fábrica de Cadilhe&Santos é unha empresa familiar cunha traxectoria de máis de 40 anos. Lonxe de manterse no modelo tradicional, a compañía é exemplo de innovación dentro do sector do mar, xa que está a introducir a innovación a través da tecnoloxía aplicada ás redes.
A organización da xornada foi posible grazas á colaboración da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.