Vigo acolle a exposición 'Redeiras. Unha profesión con historia'
Vigo, 25 de outubro de 2022.- A mostra 'Redeiras. Unha profesión con historia' achega á cidadanía de Vigo as características deste oficio artesán. A través dunha selección de cerca de trinta imaxes, a exposición párase nos elementos característicos dos distintos traballos de atado, así como nas mulleres que os elaboran. A mostra estará ata o 6 de novembro na Casa das Mulleres, na rúa Romil da cidade.
A presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás o Peirao, Verónica Veres Tasende, explica a relación entre a mostra e o espazo que a acolle, xa que "a profesión de redeira é un oficio fortemente feminizado, que ao desempeñalo tradicionalmente as mulleres ou fillas de mariñeiros, foi invisibilizado ata fai ben pouco". Así, Veres destaca ademais a importancia deste tipo de accións, que lle da visibilidade aos traballos de redeiras "especialmente neste momento clave no que se está negociando a inclusión do colectivo na próxima Lei de Pesca".
'Redeiras, unha profesión con historia' ven de visitar a Casa das Asociacións de Cornes, en Santiago, onde estivo no mes de setembro. Previamente, a exposición visitou outras localidades con forte presenza mariñeira, como Malpica, Cangas ou A Guarda, pero tamén outras de interior, como Ribadavia ou Taboada, coa vocación de achegar o oficio a distintas realidades.
A mostra está aberta ao público de forma gratuita, coa posibilidade de realizar visitas guiadas tamén para colexios e institutos da zona que queiran afondar nesta profesión, que en Galicia exercen máis de 400 mulleres.
A exposición 'Redeiras. Unha profesión con historia' enmárcase no programa de actuación 2022 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o fomento do cooperativismo e a economía social.