Curso de confección e reparación de diversas artes de pesca

fishing-net-557250

12 de xuño ao 12 de outubro de 2017

O presente programa de formación profesional impartido pola Federación Galega de Redeiras O Peirao contribuirá a dinamizar o emprego da zona norte da provincia de A Coruña favorecendo a adopción de novas competencias profesionais a un colectivo de mulleres en risco de exclusión social, ben porque non poden acceder á titulación oficial xa que non reúnen algún dos requisitos necesarios, como pode ser contar co certificado de Educación Secundaria Obrigatoria, ou ben porque non se poden desprazar ata as localidades onde a Administración convoca a formación regrada.

Deste xeito, contribuirase a incrementar o número de redeiras nos portos do norte da Coruña, fortalecendo un sector, así como o asociacionismo, fundamental para a mellora das condicións profesionais deste colectivo.


Coidado do medio ambiente

A actividade realizarase desde o máis estrito respecto ambiental, xa que a actividade de redeira é totalmente artesanal, empregando instrumentos tradicionais e elaborando aparellos que veñen servindo ao sector pesqueiro desde hai séculos. Deste xeito, coa realización deste curso, favorecerase a sustentabilidade do sector pesqueiro galego ao empregar artes e aparellos respectuosos co medio mariño.


Activación da economía e o comercio

A acción suporá unha activación do sector pesqueiro xa que as confrarías da zona contarán cun número maior de profesionais redeiras capaces de xerar en menos tempo, un maior número de aparellos de pesca, polo que se contribuirá a incrementar a rendibilidade do sector na zona.


Formación para o emprego

O curso impartido pola Federación O Peirao suporá, cando menos, 30 redeiras máis na zona, o que fortalecerá o sector pesqueiro en xeral con novas profesionais, con titulación e inscritas no ISM; incrementará o nivel de cualificación do sector, con xente máis formada e de acordo á realidade máis actual; e promoverá o uso das novas tecnoloxías, xa que estes colectivos en risco de exclusión social terán acceso ás ferramentas tecnolóxicas.