Presentada a Estratexia de dinamización das Redeiras de Galicia

A Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao presentou a Estratexia de dinamización das Redeiras de Galicia. Este novo documento dá continuidade ao anterior estudo impulsado pola Federación -a Diagnose sociolaboral presentada en 2023- afondando en factores socioeconómicos tras da aprobación do coeficiente redutor. Así, o informe aporta cifras concretas que permiten abundar na necesidade de reclamar unha mellora nas condicións económicas destas profesionais, ademais de afondar noutras condicións, erixíndose como unha ferramenta necesaria para proporcionar unha correcta e actualizada radiografía da situación actual do oficio.
Como sinalou a presidenta da Federación, María Jesús González, durante o evento, "o estudo confirma o que nós vimos alertando. A situación é moi complicada, con baixa remuneración e precariedade, con baixas laborais de longa duración consecuencia da esixencia física que implica, entre outras cuestións, con soldos que só cobren gastos sociais e os propios para desenvolver a actividade con rendemento cero en moitos casos". "Resulta moi complicado garantir a continuidade da profesión nestas condicións", desenvolveu. "Un oficio fermoso, que amamos e que non queremos que se perda".
A Estratexia propón, ademais, unha serie de liñas de acción a través das que avanzar cara os obxectivos de mellora da situación económica e de garantía da remuda xeracional nos que a Federación leva traballando xa desde hai tempo, explorando medidas para amplificar a súa influencia e abrir outras vías para as profesionais.