Presentado o estudo "Diagnose sociolaboral das redeiras de Galicia"
A Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao introduciu as conclusións da Diagnose das condicións laborais das redeiras de Galicia, un documento desenvolto pola Federación no que se abunda no estado real do sector na comunidade. A presentación realizouse o sábado 10 de xuño en Malpica de Bergantiños.
O estudo, centrado nas redeiras galegas, desenvolveuse durante o ano 2022, co obxectivo de coñecer polo miúdo a súa situación sociolaboral e obter unha diagnose sobre aspectos centrais para estas traballadoras do sector pesqueiro. O colectivo profesional das redeiras está formado por un 91% de mulleres, un total de 324 traballadoras na actualidade, onde tres de cada catro redeiras do Estado son galegas.
Este estudo contou coa participación de 191 redeiras da costa galega, e abordou temáticas variadas como o acceso á profesión, a organización do traballo, a xornada laboral e ingresos, a saúde laboral ou o recoñecemento do colectivo, entre outros. No estudo contemplouse a participación de redeiras federadas e non federadas, tendo en conta criterios de tipo de arte de pesca traballada, idade e zona marítima.
O evento de presentación do estudo realizouse o sábado 10 de xuño na Lonxa de Malpica de Bergantiños. O acto contou coa presenza de Rosa Quintana, conselleira do Mar; María Jesús Lorenzana, conselleira de Promoción do Emprego e da Igualdade; Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade; Susana Rodríguez Carballo, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro; Zeltia Lado Lago, directora xeral de Formación e Colocación; Elena Mancha Montero de Espinosa, directora xeral de Relacións Laborais; e Eduardo Parga, alcalde de Malpica. Xunto a estas persoas, a presidenta da Federación, Verónica Veres, foi a encargada de introducir o informe.