Redeiras nas redes

25 de outubro, 2018
image005

O Peirao súbese ao tren das novas tecnoloxías e das redes sociais

A Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao vén de subirse ao tren das novas tecnoloxías e das redes sociais da man do proxecto Redeiras nas redes, financiado pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia. Redeiras nas redes é unha iniciativa que inclúe a presenza da Federación de Redeiras nas redes sociais Facebook e LinkedIn, así como en Youtube a partir de catro vídeos titoriais que complementan a formación básica para seren redeiras. Precisamente, o Centro ABANCA Obra Social de Santiago de Compostela acolleu este xoves a presentación dos catro vídeos nun acto ao que asistiu a presidenta da Federación, Verónica Veres, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

Durante a súa intervención, a presidenta da Federación de Redeiras destacou que “Redeiras nas redes naceu fundamentalmente de dúas necesidades; por un lado, da nosa insistencia en amosar o noso traballo, en que se nos coñeza e a sociedade saiba que somos unha parte esencial do sector pesqueiro, e por outro, da necesidade que detectamos  entre a  xente que quere formarse e aprender o noso oficio para traballar no futuro como redeira”

Verónica Veres subliñou ademais que con este proxecto avánzase na aposta da entidade polas novas tecnoloxías, despois de que case desde o seus comezos, contase cunha páxina web como unha fórmula “eficaz para comunicar”.


Profesionalización

Verónica Veres amosou tamén o seu desexo de que este proxecto permita avanzar na profesionalización da profesión de redeira. “Para nós o feito de que se nos recoñeza o noso traballo é un paso fundamental para acadar melloras laborais que redundarán na nosa calidade de vida e a das nosas familias. Defendemos o noso peso no sector e facémolo sabendo, como xa teño dito nalgunha ocasión, que sen o noso traballo os mariñeiros non saen a faenar e os armadores non poden ser empresarios”, salientou.

Finalmente, a presidenta do Peirao tivo palabras de agradecemento para as tres mestras redeiras e o mestre redeiro, Rosa Rodríguez, Ángeles Mille, Mercedes Martelo e Isaac Fernández por térense prestado a formar parte deste proxecto e tamén para a Consellería do Mar por financiar esta iniciativa.

Arrastre, Artes Menores, Cerco e Palangre son catro vídeos titoriais duns cinco minutos de duración gravados nos lugares onde traballan habitualmente as mestras redeiras e o mestre redeiro que participan neles que recollen os contidos esenciais e básicos de cada unha destas artes.


Visita os nosos canais

YouTube

LinkedIn

Facebook

Máis proxectos